Temas

Patrimonio da Terra Cha e A Pastoriza

26/12/2019 · Blog

A Terra Chá constitúe unha singularidade no conxunto do territorio galego. No seu propio nome constátase a súa condición antagónica ao resto da paisaxe galega, ao tratarse dunha inmensa chaira chea de prados verdes interrompida por numerosos outeiros coroados moitos deles por castros e sobordante de regos, ríos e lagoas como a de Cospeito. Ademais, destaca pola súa superficie, sendo a comarca de maior extensión da comunidade, conformada administrativamente polos concellos de Abadín, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Muras, Pastoriza, Xermade e Vilalba, este último actuando como capital comarcal e núcleo principal de poboación.

                Este fermoso lugar conta con numerosos vestixios antigos que evidencian a pegada humana na zona e que se remontan aos tempos prehistóricos. Entre os exemplos máis recoñecidos do rico patrimonio monumental da Terra Chá poderiamos destacar o célebre castro de Viladonga, “castro de castros”, en Castro de Rei, o convento de Santa María de Meira ou a Torre da Homenaxe do castelo dos Andrade en Vilalba.

                Centrarémonos agora no patrimonio dun dos concellos da Terra Chá, o da “ancha e solitaria” Pastoriza, que diría Cunqueiro, o cal albergou un dos episodios máis interesantes, pola súa importancia histórica e legado cultural, dos últimos intres da Antigüidade e a Alta Idade Media en todo o territorio galego e peninsular.

                As terras da Pastoriza atópanse nun contexto de transición xeográfica cunha gran diversidade que se reflicte nun amplo e tamén diverso abano de xacementos, tanto na súa secuencia temporal como no tipo e modelo dos sitios de carácter arqueolóxico. Desta maneira, atopamos zonas de certa altitude que propiciaron a presenza de conxuntos megalíticos, así como pequenos e mediados outeiros, por riba dos 450 ou 500 metros que favoreceron o asentamento de poboados castrexos e galaico-romanos. Ademais, cómpre sinalar a existencia de vagantas e valgadas ligadas ás mellores terras de labor que son propias dos asentamentos da Antigüidade tardía que nos enlaza coa Alta Idade Media.

                Á hora de comentar algúns exemplos do patrimonio histórico da Pastoriza, debemos sinalar que non existen testemuñas que permitan supoñer unha ocupación do período Paleolítico, isto é, anterior a uns 12 mil anos antes de Cristo, pois non se documentan nin materiais en superficie nin covas ou abrigos rochosos con signos de ocupación prehistórica como noutros concellos da comarca como Vilalba ou Castroverde. Da mesma maneira, tampouco temos coñecemento da existencia de petróglifos ou gravados rupestres ao aire libre. Así, as primeiras pegadas remóntanse ao Megalitismo, cultura reaccionaria á neolitización, nómade, que se estendeu pola vertente atlántica e o norte europeo e as Illas Británicas. Referímonos ás mámoas e medorras que abundan na paisaxe galega, construídas entre o 3.500 e o 1.700 a.C.

                A principal necrópole megalítica da Pastoriza situaríase na parroquia de Catarina de Pousada, cun grupo de ata seis medorras ou mámoas recoñecidas polo de agora, das cales tres se viron derramadas total ou parcialmente polas explotacións forestais. Destaca o grupo situado nos altos de Penas Albas, no monte de Vilagormar, lindando con Prevesos (Castro de Rei) e o de San André de Ferreiros (Pol). O exemplo máis recoñecible é o “dolmen de Mazoi”, coñecido así polo propietario que, logo de localizalo e identificalo, tivo a idea de recuperalo e en certa medida “reconstruílo”. Outras medorras localizaríanse nas parroquias de Santiago de Reigosa e San Vicente da Regueira.

                Logo dunha lagoa documental correspondente á Idade do Bronce, atopamos diversos trazos da cultura castrexa. Trataríase, pois, dunha zona cunha gran densidade de poboación neste período, podendo citar numerosos xacementos como o da Aguarda, o de Álvare, Corvelle, Crecente, o castro ou Croa de Seselle (Bretoña) ou o propio castro de Bretoña. Entre todos destacaría o Castro de Saa (entre Baltar e Crecente) do cal se aprecia ben o seu completo e complexo sistema defensivo, moi ben conservado e similar, en parte, ao de Viladonga. Deste momento de transición á etapa galaico-romana temos evidencias na Croa de San Cosme de Piñeiro, onde se atoparon denarios de prata de distintos momentos de época romana, entre o ano 100 a.C. e 122 d.C., e as Coroas de Santiago de Reigosa, un castro bastante deteriorado polas labores agrícolas e a concentración parcelaria, onde apareceu unha estela antropomorfa feita de pedra silícea (hoxe no Museo Provincial de Lugo).

                Mención aparte tería o caso de Bretoña, un núcleo habitado anteriormente ao establecemento da Sé britoniense, a antecesora da posterior diocese mindoniense. Nas escavacións realizadas entre 1970 e 1971 dirixidas por Chamoso Lamas atopáronse unha moeda de prata e un denario imperial. Tamén se atoparon restos de cerámica castrexa, lisa e decorada, e romana, así como unha fusaiola e singulares pezas de ferro e bronce. Pero entre todos os achados destaca a arracada, ou pendente de ouro. De 21 quilates e en forma de ril, é característica da ourivería prerromana castrexa, datada entre o século IV e o II a.C. pero que tivo certa pervivencia na etapa galaico-romana segundo mostran outros achados como os do veciño Castro de Viladonga. Ademais, atopáronse uns muros que os identificou coa cabeceira dun primeiro templo do século VI-VII e documentou tamén unha ampla construción semicircular de lousa, con dúas tumbas de orixe "visigótica" no seu interior. Isto levou ao investigador a identificalo como a ábsida da catedral de Maeloc, o Mosteiro Máximo e, por tanto, punto neurálxico da sé britoniense.

                Dando outro salto no tempo, no concello da Pastoriza atopamos unha variedade interesantísima de arquitectura popular ou relixiosa, como o caso dos cruceiros, cristos, cruces e con varias igrexas e capelas onde algunhas delas a torre-campanario confírelles un aspecto aéreo. Nos seus retablos danse cita varias mostras da imaxinería barroca que aposta polo gusto e a tradición local, cos exemplos da Igrexa de Crecente, a Igrexa parroquial de Baltar, a Capela de San Xiao, a Igrexa de Pousada, a Igrexa de San Cosme de Piñeiro, a Igrexa na Aguarda ou a Igrexa de Santa María de Bretoña. En canto aos cristos, poderiamos clasificalos en varios tipos: os cristos cun capitel formando parte do varal, cos exemplos do da casa do Regueiro (na Abelaira, Lagoa), o Cristo de don Froilán (Lagoa) ou o fermoso “Cristo das Camaretas u de Antigas” (ao carón da igrexa de San Martiño de Corvelle); cristos dentro dunha capela, como o Cristo de Afoz (Bretoña); cristos cun santiño no varal, como o Cristo de don Diego (Úbeda), datado no ano 1871. Outros cristos datados nesta época serían o Cristo de Marquide (Rigueira), o Cristo da Igrexa (Cadavedo) ou o Cristo do Romeiro en Xemil (Bretoña). Por último, dicir que probablemente o cristo máis antigo da Pastoriza sexa o Cristo dos Viás (Vián), datado no ano 1830. En canto aos cruceiros, atopámolos nos adros das igrexas, nas encrucilladas, nos camiños de romarías ou diante de casas de nivel económico alto. Destaca o caso dun cruceiro acubillado nunha capeliña, o do Fiouco (Cadavedo), entre os concellos de Mondoñedo e da Pastoriza. Outros exemplos serían o Cruceiro de Carballo (Reigosa), o Cruceiro da Pista do Couto (Rigueira), o Cruceiro de Vilgormar (Pousada) ou un dos máis significativos, o Cruceiro da Parola de Bretoña, cambiado de sitio en tres ocasións, derrubado e restaurado fai poucos anos. Como conclusión, habería que falar das cruces da Pastoriza, consideradas as obras de arte máis pobres, destacando a Cruz de Canedo (Pousada), a Cruz da Caxaca e a Cruz de Aloxo (Corvelle), sendo a máis antiga a Cruz da Veiga de Magarín (Álvare).

                Outro dos trazos máis significativos da paisaxe da Pastoriza, terra de fontes, é a abundancia de regatos, regos e ríos que artellaron unha serie de muíños, plantas de luz e moas de afiar. Desta maneira, atopamos rutas fluviais que nos levan a obras arquitectónicas senlleiras como o Muíño do Pico (Bretoña), o Muíño de Matías (Fonmiñá) ou o Muíño do Bellegal.

Especialistas en ARQUEOLOGÍA Y PATRIMONIO cultural en toda Galicia

¿Interesado en nuestro trabajo?

¡Compártelo!

¿Estás interesad@ en alguno de nuestros trabajos?

Ponte en contacto con nosotros o pídenos presupuesto sin compromiso.